SEASONS OF THE YEAR

Estándar

seasonsSEASONS OF THE YEAR

Anuncios

SAMAWEEN STORY

Estándar

Aquel era un día moi especial. Toda a aldea irlandesa de An Láithreach (Laragh) situada no val de Glenmaloure nas montañas Wicklow, andaba moi atarefada preparándose para a gran noite na que comezaría Samonios (a estación escura).  Aquela noite  o mundo dos espíritos abriría as súas portas e  os  mortos poderían  visitalos, así que debían buscar cabazas e tallalas para poder guialos e  protexer as casas contra os malos espíritos. Era tamén necesario preparar as ofrendas  para ter aos espíritos contentos. Aínda que xa levaban dúas noites de festexos, esta sería a terceira e era a máis importante, xa  que a lúa chea lucía no seu máximo esplendor.

O druída non acougaba, corría dunha parte á outra do poboado e non paraba de entrar e saír do bosque carrexando todos os ingredientes necesarios para celebrar o conxuro que mantería aos espíritos afastados o resto do ano.

¿Por que estaban todos tan nerviosos no clan?… porque na celebración do ano anterior Pedro Tinne  teimara en irse ao bosque intentando topar unha das famosas covas  que as fadas  abrían na procura de maridos cos que compartir os seus tesouros . Pedro levaba anos escoitando aquelas historias antigas contadas arredor das fogueiras e nas que os homes máis valentes do clan se aventuraran nas  profundidades do bosque e nunca volveran porque vivían nos seus castelos gozando dos marabillosos tesouros que posuían.

Pero a realidade era que o corpo  Pedro Tinne aparecera á maña seguinte sen vida  entre uns acivros que era a planta sagrada  que o debía protexer. O que máis asustaba aos  compoñentes do clan era que cando toparon o corpo o rubí do seu amuleto desaparecera e un gran estorniño coas súas plumas verde metalizado permanecía velando o corpo de Pedro Tinne e non paraba de grallar laiando.

Ninguén soubo a causa da morte xa que non había sinais de violencia  pero dende aquel día o clan temía e preparábase para esta noite, xa que non dubidaban que Pedro volvería para contarlles o acaecido no bosque.

Dende que nacían, todos os membros do clan se reunían nunha cerimonia  para que o druída lles impuxese o nome do deus correspondente ao mes do nacemento e facíaselles unha pequena bolsa de coiro onde se  colocaban os símbolos protectores: unhas follas da súa planta, a pedra  asignada e algún elemento(plumas, espiñas, …)do animal que os protexía.

Cando o sol se puxo todo estaba disposto. As cabazas alumeaban na fría noite, as  bandexas coas deliciosas ofrendas lucían sobre todas as mesas de  An Láithreach.  Tódolos membros do clan vestían as súas mellores galas, especialmente o druída, e ningún  deixaba de mirar cara ao camiño que viña dende o bosque. Á media noite sucedeu… unha sombra tétrica  xurdiu entre os buxos e acivros enchendo a noite de estalos de polas e follas secas…